Ola amigos.
Despois dun tempo sen escribir volvo ao
blog para anunciar novidades. Xa está nas librerías a nove edición
na editorial Xerais de “Os Megatoxos e a espada esmeralda”. Tal e
como fixen no libro "Os Megatoxos e o aprendiz de druída", hai
moitas novidades nesta nova edición que agardo vos gusten. A
historia amplíase con máis detalles sobre os personaxes da saga e
sobre as súas vidas.
Como curiosidade vos podo contar que a
idea da espada esmeralda chegoume nun soño moi parecido ao que ten
Faísca no libro. Lembro que, cando acordei, custábame traballo
saber se xa saíra do soño, ou aínda estaba nel. Vaia pesadelo!
A algún de vós vos pasou algo
semellante? Algún acordou dun pesadelo pensando que aínda estaba
nel?
Fixádevos no aspecto que ten o libro!
Estou encantado co resultado da edición e a nova portada.
Nuns meses, principios do 2013 veredes
nas librerías a reedición do terceiro libro dos Megatoxos: Os
Megatoxos e os templarios da Luz.
AH! e se queredes o calendario de 2012 dos Megatoxos, podedes descargalo aquí.
Para os que acaban de chegar a colección velaí vos deixo a sinopse do libro.
Os Megatoxos son catro mozos que teñen que compatibilizar as clases no instituto, cunha dobre vida que os impulsa a viaxar na procura dunha cura para a súa mutación xenética, un cambio provocado por unha planta moi especial, o Toxo. Esta planta mutante ten, entre outras, a capacidade de viaxar no espazo e no tempo. Ruxe, Lúa, Faísca e Ninfa están a vivir un emocionante curso escolar. Desde que un accidente os dotara de estraños poderes, os problemas non deixan de aparecer.Nun intento por acadar unha cura para a súa mutación, os catro mozos viaxarán ao Medievo. Alí, atoparán un antigo e misterioso mosteiro onde nada é o que parece. Nesta nova aventura, os Megatoxos deberán aguzar a súa intelixencia e valor nunha biblioteca chea de enigmas, onde códices e perigos mestúranse nunha situación que porá a proba a súa amizade.










