Os Megatoxos
19/7/17
Na Feira do libro da Coruña
3/11/11
Presentación "A chave da Atlántida"

Ola, amigos.
Quero convidarvos a todos á presentación do meu novo libro “A chave da Atlántida” gañador do premio Merlin 2011 e publicado por Edicións Xerais. O acto terá lugar na Casa del libro de Vigo (R/ Velázquez Moreno 27), o día 11 de novembro ás 8:00 da tarde. Espero vervos alí este venres. Haberá algo de comer, de beber, debuxos en directo e algunha sorpresa máis.
Ah! para aqueles que veñan co libro e me pidan que llo asine... levaran de agasallo unha ilustración especial de tiraxe limitada! Haberá só unhas poucas, así que xa sabedes!
O libro “A chave da Atlántida” xa se pode atopar en todas as librerías. Na próxima semana subirei máis ilustracións do libro.
Apertas, Anxo.
Este é un avance da historia :)
Os científicos do «Proxecto Prometeo» crearon A-cero, un ser humano artificial. Un proxecto científico que os bioenxeñeiros da empresa Biomorph desenvolveron a partir da lectura duns pergamiños atopados na fosa Kermadec, cando indagaban sobre a cidade asolagada da Atlántida. Aqueles pergamiños, redactados nunha lingua descoñecida, deixaban ver uns planos nos que se identificaban segredos ocultos, capaces de construír un novo futuro para a ciencia e para a humanidade. A fuxida de A-cero e o seu encontro con Eva e o seu tío Fran desencadeará a busca da chave que permita entrar na Atlántida, unha civilización en estado de hibernación, á que semella poder accederse dende as viguesas illas Cíes. A chave da Atlántida é unha novela de ciencia ficción na que, a un ritmo trepidante, se mesturan os mitos dunha civilización antiga coas posibilidades ofrecidas polas biotecnoloxías e da robótica do futuro. Unha aventura que non dá tregua, onde non falta nin o amor nin as persecucións nin as probas fantásticas, na que se somete a indagación dos lectores e lectoras novos un dos tópicos da mitoloxía clásica
Aquí tedes unha crítica do libro publicada no Atlántico Diario. Grazas :)
En Edicións Xerais de Galicia, 143 páxinas. Anxo Fariña (Vigo, 1977), obtivo con este texto o Premio Merlín de Literatura Infantil 2011, e xa van aló 25 anos dende que o primeiro Merlín (1986) foi, con todo merecemento, para a nosa amiga Ursula Heinze. O libro que hoxe brevemente recensionamos, é unha eficaz, entretida e bonita singradura de Anxo Fariña, un autor xa coñecido entre nós, e que non é a primeira vez que é galardoado polo seu labor artístico e literario. El propón que a enigmática e suxerente Atlántida da antigüidade ten porta e chave de aceso dende algún lugar das nosas illas Cíes. Trátase dunha historia que engaiola a calquera lector ou lectora que se achegue a ela. Polo cal, sen levar de conta a idadepara os que aparentemente foi elaborada, cabo de todo, convén reflexionar se é acertado ou non esta denominación de literatura infantil. Coidamos que non, e mesmo en todo caso convimos en que é un libro a cuxa lectura pódese adscribir calquera home ou muller, como o son outros relatorios da literatura universal que habita na memoria de todos nós. Os nosos parabéns ao autor pola súa aportación á literatura galega, e mesmo polas estupendas ilustracións que acompañanan o libro A Chave da Atlántica.
13/6/11
Premio Merlín «A chave da Atlántida» de Anxo Fariña, Premio Merlín de Literatura Infantil 2011

Ola amigos!
Estou moi emocionado e contento. O motivo: acabo de gañar o prestixioso Premio Merlín de Literatura infantil cunha obra que leva por título: “A chave da Atlántida”.
Non vos podedes imaxinar o que significa para min este galardón. Despois dos malos momentos pasados, esta semana dupla alegría: sae á venda o 4º libro dos Megatoxos e me conceden o premio Merlín. Que podo dicir... grazas, grazas, grazas. Ao xurado, aos meus queridos lectores, aos meus amigos, ás mestras e mestres, á organización do premio, aos bibliotecarios, ás libreiras e libreiros...
A festa-entrega celebrouse na illa de San Simón rodeado de moitos amigos dos libros, con comida, música, e moita, moita emoción.
Unha aperta, Anxo
Aquí a noticia:
O xurado da XXVI edición Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorreron corenta e seis obras, formado por Rodrígo Chao Blanco (ilustrador), Julia González González (mestra de Primaria e bibliotecaria), Antonio Reigosa Carreiras (escritor e gañador do Premio Merlín, 1998), Ángeles Roca López (bibliotecaria), Gracia Santorum López (profesora de Secundaria e blogueira), e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto escolleu como obras finalistas as presentadas baixo os lemas «O carreiro das formigas», «Prometeo» e «Trampa de luz». Despois da súa última deliberación, acordou por unanimidade declarar como gañadora a presentada baixo o lema «Prometeo», que, despois de aberta a plica, resultou ser de Anxo Fariña e corresponde ao título A chave da Atlántida.
A chave da Atlántida, a obra gañadora da 26ª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, presentada baixo o lema «Prometeo», recupera o mito da busca da Atlántida, o continente perdido, asolagado, esa civilización antiga dos atalantes da que non se sabía en que parte do planeta quedou agochada.
Foron os científicos do chamado «Proxecto Prometeo» os que crearon A-cero, un ser humano artificial, un organismo sintético de silicio, un robot capaz de amosar curiosidade polos sentimentos humanos. Un proxecto científico que os bioenxeñeiros da empresa Biomorph desenvolveron a partir da lectura duns pergamiños atopados na fosa de Kermadec, cando indagaban sobre a cidade asolagada da Atlántida. Aqueles pergamiños, redactados nunha lingua descoñecida, deixaban ver uns planos no que se identificaban segredos ocultos, capaces de construír un novo futuro para a ciencia e para a humanidade. A fuxida de A-cero e o seu encontro con Eva e o seu tío Fran desencadeará a busca da chave que permita entrar na Atlántida, unha civilización en estado de hibernación, á que semella poder accederse dende as viguesas illas Cíes.
A chave da Atlántida é unha novela de ciencia ficción na que a un ritmo trepidante se mesturan os mitos dunha civilización antiga coas posibilidades ofrecidas polas biotecnoloxías e da robótica do futuro. Unha aventura que non dá tregua, onde non falta nin o amor nin as persecucións nin as probas fantásticas, na que se somete a indagación dos lectores e lectoras novos un dos tópicos da mitoloxía clásica.
